Sobre a Escola
Centro de estudos musicais recoñecido pola Xunta de Galicia
Código de Centro: 32020847
A Escola de Música Mestre Veneroni é unha actividade promovida pola Asociación Cultural Liradavia. O seu funcionamento forma parte dun proxecto asociativo e musical vivo, no que a actividade educativa da escola e a traxectoria artística da banda de música están estreitamente vinculadas.
O nome da escola homenaxea ao mestre Veneroni, profesor de música que se estableceu en Ribadavia arredor de 1840 e que sementou a paixón pola ensinanza musical na nosa comarca dende hai case dous séculos.
Como entidade sen ánimo de lucro, a Asociación asume un importante esforzo económico para garantir un ensino accesible e de calidade, promovendo a cultura musical entre toda a veciñanza.
Materias e instrumentos
A nosa escola ofrece unha formación musical integral e adaptada, combinando a aprendizaxe teórica e instrumental en grupo e de forma individual.
O que ofrecemos
- Clases individuais de instrumento: atención personalizada adaptada ao ritmo de cada alumno.
- Linguaxe musical e teoría: aprendizaxe da linguaxe, ritmo e teoría fundamentais para comprender a música.
- Música de conxunto: práctica grupal e de conxunto instrumental.
- Xardín musical: iniciación temperá para os máis pequenos (estimulación musical).
Especialidades instrumentais
Ofrecemos ensino dunha ampla variedade de instrumentos:
- Vento madeira: frauta travesa, clarinete, saxofón.
- Vento metal: trompeta, trompa, trombón, bombardino, tuba.
- Percusión: caixa, batería, timbais e percusión clásica.
Obxectivos formativos
O noso proxecto pedagóxico e formativo ten como meta principal achegar a música a todas as persoas, pero cunha clara vocación comunitaria:
- Formación musical sólida: garantir unha aprendizaxe de calidade, tanto para afeccionados coma para quen prepare o acceso a ensinanzas oficiais de Conservatorio.
- Integración nas agrupacións: a finalidade pedagóxica da escola é formar músicos capaces de integrarse progresivamente na Banda Infantil Luís Costa e, posteriormente, na Banda de Música A Lira de Ribadavia.
- Valores asociativos: fomentar o compañeirismo, o compromiso, a responsabilidade e o amor pola cultura popular a través da música en grupo.
Inscrición e matrícula
O prazo de preinscrición e matrícula para o curso académico 2026/2027 está aberto. Podes realizar o proceso cómodamente a través do seguinte formulario.
Normativa e cotas
Ao tratarse dunha escola asociativa integrada nun proxecto cultural sen ánimo de lucro, o funcionamento da mesma réxese por unha serie de normas organizativas e económicas fundamentais para garantir a sustentabilidade e a igualdade no acceso.
Normativa da Escola de Música Mestre Veneroni
Modelo de financiamento asociativo
O importe das cotas do alumnado non cobre o custo real do servizo educativo. Por este motivo, unha parte importante do financiamento é asumida pola propia asociación (A Lira de Ribadavia) a través da actividade da banda de música, das achegas dos socios e de outras iniciativas culturais. Este modelo cooperativo é o que permite ofrecer unhas cotas de alumno sumamente reducidas mantendo ao mesmo tempo un nivel formativo excelente.
Organización das ensinanzas
As clases ordinarias inclúen a formación en instrumento (individual) e en linguaxe musical (grupal). Ambas áreas considéranse partes esenciais e obrigatorias do proceso formativo. Só poderán quedar exentos da asistencia ás clases de linguaxe musical aqueles alumnos/as que cursen outros estudos musicais ou naqueles casos especiais nos que o profesorado así o determine por estrito criterio pedagóxico.
Compromiso de integración na Banda
A finalidade última do proxecto educativo é a formación de músicos para a súa posterior integración na Banda Infantil Luís Costa e na banda de música A Lira de Ribadavia. A participación nestas formacións é parte fundamental da aprendizaxe práctica. O alumnado será proposto para a súa incorporación cando o profesorado o considere maduro, esperándose do alumno/a e da súa familia unha actitude plenamente receptiva cara a dita integración. A asistencia a ensaios e actuacións ten carácter obrigatorio dentro da súa formación, agás causas de forza maior xustificadas.
Préstamo e coidado de instrumentos
A asociación poderá poñer á disposición do alumnado, segundo dispoñibilidade, instrumentos musicais en réxime de préstamo para facilitar o inicio e desenvolvemento dos estudos. Os instrumentos entregaranse revisados e documentados, podendo establecerse unha fianza para formalizar a cesión. O alumnado (ou os seus responsables legais) comprométese a facer un uso responsable do instrumento e a devolvelo, ao remate do préstamo, tras a correspondente revisión técnica e coa documentación requirida pola asociación. As condicións específicas de préstamo, mantemento, revisión e devolución estableceranse no documento de cesión que deberá ser aceptado polas partes.
Modalidade de matrícula e cotas
A participación na escola está directamente vinculada ao modelo formativo completo descritivo. Grazas a esta implicación nas actividades colectivas e asociativas aplícanse as seguintes cotas:
Calendario
- Curso académico: de setembro a xuño.
- Pagamentos: realízanse con carácter trimestral en tres períodos (setembro, decembro e marzo).
- Compromiso de curso completo: as ensinanzas teñen carácter anual e continuado. A planificación de horarios, grupos, profesorado e a pedagoxía docente organízanse para todo o curso completo dende o inicio. Por tanto, a inscrición implica o compromiso firme de permanencia e pagamento durante todo o curso académico. Non existe a posibilidade de interrupción con efectos económicos ou baixa unha vez iniciado o curso; a matrícula esixe a aceptación do pagamento íntegro correspondente a todo o curso escolar con independencia de interrupcións na asistencia ou abandono.
Formación individual externa (fóra de proxecto)
Aquelas persoas que desexen recibir unicamente clases individuais de instrumento, sen asistir ás clases grupais de linguaxe musical nin participar nas actividades e agrupacións da asociación, deberán aboar o custo íntegro da formación sen o subsidio asociativo. Para o curso 2026/2027, este custo establécese en 23 € por hora lectiva impartida.
Implicación asociativa das familias
Dende a Asociación Cultural Liradavia animamos encarecidamente a que as familias dos alumnos e alumnas formen parte activa da nosa base social como socios/as. A implicación activa de nais, pais, alumnos e colaboradores é o que mantén este fermoso modelo formativo accesible, vivo e sustentable para as futuras xeracións de Ribadavia e do Ribeiro.