Historia da Lira de Ribadavia

Case 200 anos de música e cultura en Ribadavia

Das orixes ao primeiro esplendor

Unha tradición que vén de lonxe

Ribadavia foi, dende antigo, unha vila marcada pola súa intensa vida cultural. Xa no ano 1827, Miñáns e Bedoya describían os seus habitantes como especialmente afeccionados á musica, ao baile e á representación teatral. Non era, pois, un territorio alleo á creación artística, senón un espazo fértil onde a música atopou un lugar natural para medrar.

Neste contexto, arredor de 1840 establécese na vila un profesor de apelido Veneroni —probablemente de orixe italiana ou descendente de italianos—, feito que evidencia o interese existente por unha formación musical estruturada.

O verdadeiro impulso institucional chega en 1850 coa creación dunha Sociedade Filharmónica. O Concello implicouse de maneira directa: na sesión do 9 de xullo dese ano acordouse adquirir instrumentos «aos que a clase pobre non puidese chegar», garantindo así o acceso á aprendizaxe musical ás clases máis humildes. Como espazo de formación habilitouse o salón da escola de nenos en San Domingos, e nomeouse mestre a Luís de Seoane, cun salario anual de dous mil douscentos reais e coa obriga de formar gratuitamente a doce alumnos.

Esta combinación de iniciativa popular e apoio institucional sería clave para o desenvolvemento posterior da banda.

O nacemento da banda e as primeiras tensións

En 1875 aparece xa unha agrupación musical estable, aínda sen nome oficial, dirixida por Timoteo López Cartavio. A el sucedérono Benigno Pousa e, posteriormente, Antonio Freijido Branco.

Mais a historia inicial da banda estivo lonxe de ser lineal. No ano 1894 prodúcese unha escisión que marcaría profundamente o seu futuro: un grupo de músicos sepárase e organiza unha nova colectividade baixo a dirección de Francisco Sánchez.

É neste contexto cando a agrupación adopta o nome «A Lira» e se constitúe formalmente como sociedade, con regulamento propio e Xunta Directiva. O seu primeiro presidente foi Etelvino González Sieiro, ao que posteriormente substituíu Bartolomeu Ramón Domínguez Rei.

As divisións internas, porén, continuaron. Tras a morte violenta do director Fidel Sánchez pouco despois de asumir o cargo, a banda volve quedar sen dirección, agravándose as tensións. A colectividade divídese de novo: o grupo maioritario escolle como director a Francisco Freijido, coñecido como «O Sutil», mentres que os disidentes forman «A Nova Lira» baixo a batuta de Francisco Sánchez.

A situación prolongouse ata 1908, ano no que, tras o falecemento de Sánchez, ambas formacións se reunifican baixo a dirección de Freijido. Esta reunificación marca o inicio dunha etapa especialmente brillante.

O primeiro gran esplendor

Coa banda xa unificada, comeza unha época de grande éxito que culmina cun fito especialmente relevante: o primeiro premio no Certame de Bandas Populares celebrado en Vigo durante as festas do Santo Cristo da Vitoria, baixo a presidencia do mestre Bretón.

Este triunfo, acadado tras unha intensa competencia con outras agrupacións, supuxo non só un recoñecemento artístico, senón tamén un importante premio económico e simbólico: unha batuta de ébano e marfil.

Crise e emigración

A emigración

O esplendor viuse truncado en 1910 coa emigración de Francisco Freijido a Buenos Aires. A súa marcha provocou unha nova crise.

Para facer fronte á situación, o Concello —presidido por Benito Puga Fermoso— decidiu implicarse de maneira máis directa. Convocou a praza de director cunha subvención anual de mil cincocentas pesetas, a cambio de que a banda participase gratuitamente nas principais celebracións locais. Así, A Lira pasou a funcionar como unha banda semi-municipal.

Sucédense entón varios directores: Álvaro Soto, Juan Serrano e, finalmente, Alfonso Campos, quen permanecería no cargo ata 1921.

A etapa de Alfonso Campos: un legado decisivo

A dirección de Alfonso Campos representa un dos momentos máis importantes da historia da banda.

Durante os seus dez anos á fronte, A Lira alcanzou un nivel artístico excepcional. Foi contratada para numerosas festas, incluídas as da Coruña, onde a súa actuación nas festas de María Pita foi amplamente eloxiada pola prensa.

Campos non só dirixiu, senón que transformou a banda: ampliou o número de músicos, renovou o repertorio, adquiriu partituras —ás veces co apoio de admiradores— e, sobre todo, formou unha nova xeración de intérpretes.

O seu labor foi tan profundo que, durante anos, os seus sucesores viviron da base musical que el construíra.

Inestabilidade, episodios singulares e novos intentos de recuperación

Tras a súa marcha, a banda entra nun período de inestabilidade, debúllandose un longo rosario de efémeros directores: Camilo Pérez, Liño Pampín, Juan Omar Queral —quen logrou recuperar parcialmente o prestixio—, Escobar e Manuel Fernández Amor.

Neste contexto tamén se produce unha nova escisión protagonizada por un grupo de doce músicos, coñecidos popularmente como «Os Rabiosos».

Un dos episodios máis curiosos chega en 1928 coa chegada de José Veiga, quen afirmaba ser fillo do autor da famosa Alborada. Inicialmente recibido con entusiasmo, pronto se revelou a falsidade da súa identidade e a súa incapacidade musical, sendo destituído de inmediato tras declaracións como o famoso «tampouco hai por que afinar tanto».

Luís Brage e o renacemento cultural

A chegada de Luís Brage marcou un novo renacer. Compositor recoñecido, como a famosa «Follas Novas», revitalizou completamente a vida musical de Ribadavia.

Os ensaios convertéronse en auténticos espectáculos, xurdiron novas formacións —rondallas, comparsas— e popularizáronse as representacións de zarzuela. A música pasou a formar parte da vida cotiá da vila, ata o punto de que, segundo unha anécdota da época, un Gobernador recibira tal recibimento que un honesto tenente de alcalde lle tivera que confesar: "«Ai, non, señor, non lle veñen por vostede, véñenlle ó rabo da música»".

Porén, o seu carácter e a súa implicación política acabaron xerando rexeitamento: nun período axitado e tormentoso para a vida da vila, as súas ideas fóronlle restando adhesións e simpatías ata tal punto que os propios músicos deixaron de recoñecelo como director, traéndo pola súa conta a Faustino Temes.

O Sr. Brage tiña excelentes condicións de músico; era así mesmo un magnífico compositor, e nos seus primeiros tempos fixo revivir na banda aqueles xa algo afastados de don Adolfo Campos, pero o seu carácter, as súas condicións persoais, a maneira de comportarse cos músicos, e, finalmente a súa actuación política nun período axitado e tormentoso para a vida da vila, fóronlle restando adhesións e simpatías, non só entre os seus subordinados, tamén entre a maioría das xentes da vila, concluíndo, no ano 1930, por que os propios músicos, case na totalidade, se negaran a continuar ás súas ordes, deixasen de recoñecelo como o seu xefe artístico e trouxesen pola súa conta para que os ensaiase na academia e os dirixise nas actuacións a don Faustino Temes.

Guerra e decadencia

O Golpe de Estado, a sublevación e a Guerra Civil

O Golpe de Estado de 1936, coa sublevación de parte do exército, desencadeou a Guerra Civil, unha etapa que supuxo un golpe devastador. A Lira quedou sen dirección, sen ensaios e con moitos músicos mobilizados, a banda perdeu cohesión e nivel, quedando reducida practicamente a unha formación menor.

Os intentos de recuperación de Juan Escudeiro ou de Rafael Díaz foron insuficientes. En 1942, o Concello convoca un novo concurso e selecciona a Moisés García Espinosa, que logra que a banda participe nas festas do Portal daquel ano xunto coa banda da Garda Civil de Madrid.

A recuperación e o cénit con Pedro Orovio

Falecido García Espinosa e tras un breve paso do subdirector Manuel Estévez, a chegada de Pedro Orovio en 1944 marca o inicio dunha das etapas máis brillantes da banda.

Durante máis de dúas décadas, A Lira converteuse na mellor banda do país, cun repertorio superior ás 130 obras e innumerables actuacións.

En 1949 acadou o primeiro premio no certame de Ourense. A súa fama estendeuse por Galicia, Portugal, León e Asturias, con mordomos, comisións, párrocos e familias dos pobos que percorrían desvidínse por obsequialo e sentalo á súa mesa.

Con todo, a constante emigración e a falta de novos músicos provocaron un lento declive que culminou coa súa retirada tras 22 anos de dirección.

Reconstrución e transformación

O final dunha era e o difícil camiño da continuidade

A retirada de Pedro Orovio non supuxo simplemente un cambio de director: marcou o final dunha época irrepetible. Tras máis de dúas décadas de éxitos continuados, A Lira quedaba orfa dunha figura que non só dirixira a banda, senón que a definira.

O seu sucesor foi José Franco, quen asumiu a dirección nun momento especialmente delicado. A sombra de Orovio era demasiado alongada, e o nivel acadado durante anos resultaba difícil de soster. Nun curto período, a banda experimentou unha notable caída na súa calidade artística, evidenciando ata que punto dependía da estrutura e disciplina herdadas do seu anterior director.

A situación cambiou coa chegada de Manuel Vázquez Gregorio, natural de Filgueira. Músico de sólida formación e gran capacidade, representaba, en moitos aspectos, unha continuidade do modelo de Orovio. Coa súa batuta, A Lira recuperou parte do seu pulso e da súa identidade sonora, devolvéndolle á agrupación certa estabilidade.

Porén, os tempos estaban a cambiar. Vázquez Gregorio tivo que enfrontarse a problemas que xa non eran exclusivamente musicais: a progresiva falta de alumnos nas academias, a perda de interese da mocidade pola música de banda e, sobre todo, o continuado impacto da emigración, que baleiraba a vila de mozos con talento. A isto sumábase a irrupción das orquestras modernas, que ofrecían unha alternativa máis atractiva para moitos músicos novos.

A pesar destas dificultades, o seu longo período á fronte da banda —ata o ano 2004, con excepción dun breve intervalo entre 1984 e 1985 onde asumiu a dirección Alfonso Salvatierra Mesa— permitiu manter viva a agrupación nun contexto adverso.

Foron tamén anos de transformación interna: a banda abriu as súas portas ás primeiras mulleres, renovou progresivamente a súa base humana e procurou adaptarse ás novas realidades sociais. Con todo, o nivel artístico, aínda digno, quedaba inevitablemente por debaixo do acadado nas épocas douradas.

Co paso do tempo, A Lira parecía vivir máis do seu prestixio histórico que dunha verdadeira proxección de futuro. Esta inercia prolongouse ata que, en 2004, Manuel Vázquez Gregorio decidiu abandonar definitivamente a dirección.

Un tempo de incerteza

A súa marcha abriu un período de transición marcado pola inestabilidade. Nicanor Domínguez Cid, profesor do Conservatorio de Ourense, asumiu o cargo, mais a súa etapa foi breve. Tras el, chegou José Ángel Presa Carrera, cuxos inicios estiveron cheos de ilusión e expectativas.

Non obstante, co paso do tempo, a relación cos músicos foise deteriorando, xerando un clima de tensión que culminou coa súa saída en agosto de 2007, nun momento especialmente delicado, con actuacións xa comprometidas.

Ante esta situación, foi o propio músico Javier Oliveira Blanco quen asumiu provisionalmente a dirección para poder cumprir cos compromisos pendentes. A súa intervención permitiu salvar a tempada, pero evidenciou tamén a fraxilidade estrutural da banda.

Ese mesmo ano, a situación alcanzou un punto crítico: A Lira non participou nas festas grandes de Ribadavia, un feito simbólico que puxo de manifesto a gravidade da crise.

A reacción: cara a unha nova etapa

Foi precisamente esta situación límite a que provocou unha reacción. A chegada de Antonio López Conde, profesor do Conservatorio Municipal de Ribadavia, supuxo un intento de reconectar a banda co ámbito formativo local. Por primeira vez, establecíase unha ponte real entre o conservatorio e a agrupación, algo sorprendentemente inexistente ata entón.

A súa etapa, aínda que breve, permitiu incorporar novos músicos procedentes da escola e do conservatorio, pero o cambio non foi suficiente para inverter a tendencia.

Nun novo intento por recuperar o pulso da banda, solicitouse o regreso de Manuel Vázquez Gregorio. A súa volta trouxo consigo a reincorporación de antigos músicos e a consolidación das novas xeracións, pero tampouco logrou romper a dinámica descendente.

Facía falta algo máis que experiencia: era necesario un cambio profundo de enfoque.

Renovación e etapa contemporánea

A renovación: reconstruír desde dentro

Ese cambio comezou a tomar forma en 2009, cando un grupo de músicos decidiu apostar por unha transformación real da banda. Non era unha tarefa sinxela: o panorama musical galego estaba cheo de agrupacións de gran nivel e a competencia era cada vez maior.

A elección de Juan Carlos López Vázquez como director marcou o inicio desta nova etapa. Cunha ampla experiencia —xa dirixía bandas con apenas 16 anos—, aportou unha visión renovadora e ambiciosa.

Baixo a súa dirección, A Lira experimentou un salto cualitativo notable. Recuperáronse instrumentos desaparecidos, como o óboe ou as trompas, e incorporáronse outros inéditos na formación, como o fagot ou o violoncello. A sección de percusión modernizouse profundamente, pasando dunha dotación básica a un conxunto completo con vibráfono, xilófono, campás tubulares e outros instrumentos. Paralelamente, constituíuse a Asociación Cultural Liradavia, que permitiu á agrupación gañar autonomía e capacidade de xestión.

Pero o verdadeiro cambio non foi só material e administrativo, senón tamén conceptual. Por primeira vez na súa historia recente, a banda decidiu medirse no ámbito competitivo. En agosto de 2011, A Lira participou no XII Certame Internacional de Bandas de Música «Villa de Aranda». A experiencia, máis alá do resultado —un meritorio cuarto posto nunha sección única—, marcou un antes e un despois: a banda volvía situarse no mapa musical a nivel estatal.

Ese mesmo ano, en novembro, chegaría a confirmación do camiño emprendido: no V Certame Galego de Bandas, desenvolvido en Santiago de Compostela, A Lira acadaba o primeiro premio na sección terceira. Non era só un triunfo, senón a constatación de que o proceso de renovación estaba a dar froitos reais.

Da consolidación á identidade propia

Tras esta etapa fundacional, en 2012 asume a dirección Francisco Pérez Rodríguez, quen dá continuidade ao traballo iniciado. Baixo a súa batuta, a banda mantén a súa presenza en certames e continúa o proceso de crecemento, aínda que nunha fase máis centrada na consolidación interna.

En 2015 incorpórase Roberto Baltar Gardón, nun momento no que a banda xa conta cunha base máis estruturada. Porén, a súa etapa resulta breve: tras once meses á fronte da agrupación, abandona o cargo en agosto de 2016.

É nese momento cando chega o verdadeiro punto de inflexión: Javier Oliveira Blanco —aquel músico que anos antes asumira a dirección de forma provisional— toma a dirección nun contexto esixente. A súa estrea prodúcese nas festas de setembro de Ribadavia, nun escenario especialmente simbólico.

Pouco despois, chega unha das primeiras grandes probas: o X Certame Galego de Bandas. Baixo a súa dirección, A Lira acada o primeiro premio na sección terceira, confirmando non só a validez do proxecto, senón tamén a capacidade do novo director para liderar esta etapa.

Un presente construído sobre o esforzo colectivo… e posto a proba

A partir de 2016, baixo a dirección de Javier Oliveira Blanco, a banda entrou nun período de estabilidade e crecemento sostido. Os resultados en certames avalaron o traballo realizado, con premios destacados no ámbito galego e mesmo a nivel nacional, como o primeiro posto no Certamen Internacional de Bandas de Música «Ciutat de València» en 2018.

Durante estes anos, A Lira consolidou unha identidade renovada: unha sonoridade máis actual, unha base formativa conectada coa súa contorna e unha estrutura organizativa máis sólida. A banda non só recuperaba prestixio, senón que volvía sentirse protagonista dentro do panorama bandístico.

Esta dinámica viuse interrompida de maneira abrupta a partir de 2020. A pandemia da COVID-19 supuxo un punto de inflexión. A paralización da actividade cultural, a suspensión de festas e certames e as dificultades para manter a actividade interna afectaron profundamente á agrupación. Como tantas outras entidades musicais, A Lira viuse obrigada a deter o seu ritmo habitual, rompendo unha inercia que levaba anos consolidándose.

Pero máis alá da interrupción externa, o período posterior deixou unha situación complexa. A falta de continuidade, certas decisións organizativas e o propio desgaste acumulado derivaron nunha etapa que podería definirse como de tensa calma: a actividade retomouse de maneira irregular, sen a cohesión nin o impulso dos anos anteriores. A nivel humano, artístico e mesmo na presenza nas festas, a banda atravesou un momento delicado, afastado do dinamismo que caracterizara a etapa previa.

Un novo horizonte: a recuperación

A partir de 2024 comeza a percibirse un cambio de tendencia. Pouco a pouco, a banda inicia un proceso de recuperación que se manifesta tanto na reorganización interna como na reactivación da súa actividade musical. Volve aparecer a vontade de construír, de fortalecer o grupo e de mirar cara ao futuro cunha perspectiva renovada.

Este proceso ten un obxectivo claro e simbólico: para o ano 2026, A Lira prepárase para participar de novo no Certame Galego de Bandas, recuperando así unha das liñas que marcara o seu renacemento na década anterior.

Premios e participacións en certames

Ao longo da súa historia recente, a banda participou en numerosos certames, obtendo destacados resultados:

  • Agosto 2011: XII Certamen Internacional Villa de Aranda. 4.º posto, sección única. Director: Juan Carlos López Vázquez.
  • Novembro 2011: V Certame Galego. 1.º premio, sección terceira. Director: Juan Carlos López Vázquez.
  • Novembro 2012: VI Certame Galego. 3.º premio, sección terceira. Director: Juan Carlos López Vázquez.
  • Novembro 2012: VI Certame Galego. Premio á mellor interpretación de obra libre con temática galega. Director: Juan Carlos López Vázquez.
  • Agosto 2013: XIV Certame de Aranda. Participación, sección única. Director: Francisco Pérez Rodríguez.
  • Novembro 2014: VIII Certame Galego. 4.º posto, sección terceira. Director: Francisco Pérez Rodríguez.
  • Xullo 2016: Certamen Internacional Armónico (Toro, Zamora). Participación, segunda sección. Director: Roberto Baltar Gardón.
  • Novembro 2016: X Certame Galego. 1.º premio, sección terceira. Director: Xabier Oliveira.
  • Novembro 2017: XI Certame Galego. 2.º premio, sección terceira. Director: Xabier Oliveira.
  • Xullo 2018: Certame Internacional Ciutat de València. 1.º premio, sección terceira. Director: Xabier Oliveira.
  • Novembro 2018: XII Certame Galego. 1.º premio, sección terceira. Director: Xabier Oliveira.
  • Novembro 2019: XIII Certame Galego. 2.º premio, sección segunda. Director: Xabier Oliveira.

Proxectos de futuro

A continuidade da Lira depende, como ao longo da súa historia, da capacidade para garantir o relevo xeracional e a estabilidade da súa estrutura organizativa.

Neste sentido, a Escola de Música Mestre Veneroni constitúe un elemento fundamental. A súa función non se limita á formación técnica do alumnado, senón que actúa como principal vía de incorporación de novos músicos á banda, asegurando a súa continuidade no tempo.

Paralelamente, resulta imprescindible o fortalecemento da base social da entidade. O incremento do número de socios e socias permite dispoñer dos recursos económicos necesarios para o mantemento da escola, a adquisición e conservación do instrumental e o desenvolvemento dunha actividade musical regular e de calidade.

A implicación da contorna social da banda, tanto a través da participación directa como do apoio asociativo, segue a ser, como historicamente se ten demostrado, un factor determinante para a súa estabilidade e proxección futura.