A Lira con Xabier Oliveira como director

Xabier Oliveira Blanco

Natural do Carballiño, ós 14 anos comeza os seus estudos musicais na especialidade de bombardino no Conservatorio Municipal baixo a tutela de Víctor Alonso Treina.

Rematado o grao elemental, transládase o Conservatorio Profesional de Música de vigo para realizar o grao profesional co mestre Juan Carlos Díaz. Co título de grao profesional de música na especialidade de tuba, continúa os seus estudos no Conservatorio Superior de Música de Vigo co mestre Jonathan Vázquez Carrera; baixo a súa tutela obtén a Licenciatura na especialidade de Tuba.

Realizou diversas clases maxistrais e cursos de perfeccionamento cos mestres Steven Mead, David Childs, Matt Troppman, Sergio Finca, Soichiro Hokazono, Javier Castaño, Alberto Pons ou Ramiro Tejero, entre outros. Tamén realizou e asistiu a diversas clases maxistrais de dirección de banda xunto os mestres José Rafael Pascual Vilaplana, Javier Viceiro Filgueira e Marcel van Bree.

Como instrumentista, realiza diversos recitais coma solista en diferentes Conservatorios, onde podemos destacar os realizados en Vigo, Ourense, A Coruña ou Viana do Castelo. Tamén ten colaborado con diferentes agrupacións como a Banda Sinfónica de Vigo, Banda Municipal de Ourense ou a Agrupación musical do Rosal, entre outras. Cabe salientar a súa participación en concursos nacionais e internacionais, como o organizado pola Asociación Española de Tubas e Bombardinos (AETYB) na Escola Superior de Música de Catalunya (ESMUC).

Foi mestre das especialidades de tuba e bombardino en diferentes escolas de música, entre as que poderían destacar a Escola de música de Goián, a Escola de Música de Beade e a Escola de Música de Guláns.

Entre os anos 2006 e 2015 foi o director titular da Banda de Música de Lobios, onde fundou a Escola de música Ad Libitum Baixa Limia.

No ano 2015 obtén o título de Grao Medio de Dirección na Academia Europea de Dirección de Banda cun concerto realizado coa Banda de Música de Pontevedra.

Dende setembro de 2016 dirixe a escola de música Mestre Veneroni, dependente da banda de música A Lira de Ribadavia, coa que acada o primeiro premio en sección terceira do X Certame Galego de Bandas de Música; paralelamente, continúa os seus estudos na Academia Europea de Dirección de Banda baixo a tutela dos mestres Jan Cober, Javier Viceiro e André Granjo.

Actualizado o 15 de abril de de 2017