Actuación na Coruña

Historia

Nacemento

De sempre gozou Ribadavia fama de cultivar as artes e de centro cultural. «Os seus moradores son sumamente afeccionados á música, ao baile e a representar comedias e traxedias»; así os describía, nos afastados 1827, Miñáns e Bedoya no seu Dicionario Xeográfico. Por iso é polo que resulta un pouco menos insólito que xa no ano 1840 se instalase na vila todo un profesor de apelido Veneroni (seguramente de nacionalidade italiana ou fillo ou descendente de italianos).

En 1850 constitúese na vila unha Sociedade Filharmónica co fin de educar á sociedade na arte músical e, para ese efecto, o Concello, na sesión celebrada o 9 de xullo dese ano, acordou adquirir, por propia conta, os instrumentos «aos que a clase pobre non puidese chegar», ao mesmo tempo que como local para aprendizaxe e ensaios foille asignado provisionalmente o salón da escola de nenos situado en San Domingos, nomeando mestre a Don Luís de Seoane coa retribución anual de dous mil douscentos reais e coa obriga de ensinar de balde a doce mozos, quen tiñan que procurarse por si mesmos os instrumentos que lles fosen necesarios.

Todo iso propicia que en 1875 apareza unha agrupación musical (nese momento sen denominación particular algunha) con Timoteo López Cartavio como director. A este sucédello don Beningno Pousa, e ao Sr. Pousa don Antonio Freijido Branco, ata que no ano 1984 xurdiu unha escisión na banda, pasando un grupo de músicos a organizarse nunha nova colectividade baixo a dirección de Francisco Sánchez.

É entón cando a nosa agrupación musical se constitúe en forma de sociedade adoptando o nome da Lira, cun regulamento especial e a súa correspondente Xunta Directiva que tivo como primeiro presidente a don Etelvino González Sieiro ao que anos despois substituíu neste cargo don Bartolomeu Ramón Domínguez Rei.

A consecuencia dunha nova escisión entre os seus compoñentes xurdida dentro do seo da banda pasa esta a ser dirixida por don Fidel Sánchez, o cal, pouco despois de tomar o seu cargo morre asasinado, e novamente queda La Lira sen dirección. Agudízase entón a escisión entre os seus compoñentes. O grupo máis numeroso elixe por director a don Francisco Freijido, máis coñecido polo sobrenome de «O Sutil», e outro grupo, formado polos disidentes de outrora, con algúns máis que se agregan, forman unha nova colectividade musical que adopta o nome de «La Nueva Lira« baixo a batuta do xa nomeado don Francisco Sánchez; e ao contraer este señor unha grave enfermidade, e ocorrer, algún tempo despois, o seu falecemento, no ano 1908, ambas as colectividades agrúpanse de novo nunha soa baixo a batuta do Sr. Freijido.

níciase agora a primeira época de esplendor da banda, que culmina ao obter no Certame de Bandas Populares celebrado na cidade de Vigo con ocasión das festas do Santo Cristo da Vitoria que preside o gran mestre Bretón, o primeiro premio en rifada loita con outras agrupacións musicais, cuxo premio consistiu nunha crecida cantidade económica e unha artística batuta de ébano e marfil.

A emigración

A banda pasou un tempo fantástico, pero en 1910 o Sr. Freijido emigra -el tamén- a Bos Aires, caendo La Lira nunha crise máis. Acorda entón o Concello, naquel momento presidido por don Benito Puga Fermoso, sacar a praza de director subvencionándoa coa cantidade anual de mil cincocentas pesetas; a cambio diso, a banda tería que amenizar gratuitamente as festas do Portal e as de San Pedro Mártir, e tocar así mesmo na procesión do Santo Enterro de Jesús na tarde do Venres Santo. Iniciase entón para La Lira unha nova etapa, pois ao depender xa en parte do Concello e gozar da súa directa protección, transfórmase nunha banda semi-municipal.

Noméase director de La Lira ao músico santiagués don Álvaro Soto que desempeña tal cargo por espazo dun ano, sendo en 1911 substituído por don Juan Serrano, e este, á súa vez, por don Alfonso Campos, que permanece inalterable neste cargo ata finais de 1921, no que se ausentou para dirixir á banda municipal de Pontevedra.

En tempos do señor Campos logra alcanzar La Lira un renome e un esplendor como ata entón nunca o tivera. Contrátana para numerosas festas e, por espazo de dous anos, vai mesmo a amenizar as de María Pita da Coruña, onde a súa brillante actuación é farto eloxiada pola prensa e aquela poboación. Don Adolfo Campos, bo músico e home enérxico e de extraordinaria capacidade de traballo, prepara elementos novos para substituír aos músicos antigos que xa non renden o suficiente, eleva o numero de prazas, acrecenta o arquivo con numerosas partituras, algunhas veces adquiridas directamente do fondo común, e outras agasallo de amigos e admiradores da agrupación que con tanto acerto e competencia dirixe. É tan copioso e tan enorme o labor musical que leva a cabo o señor Campos nos seus dez anos de director de La Lira que pode afirmarse que todos os que lle substituíron nese cargo ata chegar á dirección de don Pedro Orovio, viviron da súa fantástica obra e do seu inxente labor. Don Adolfo Campos elevou o prestixio da banda a enorme altura, creou moitos e bos músicos entre a mocidade ribadaviense de entón, disciplinounos e educounos artisticamente e grazas a el, a boa fama e o prestixio que a colectividade xa tiña viuse incrementada e estendeuse por toda a rexión galega e aínda fóra dela.

A partir do baleiro deixado polo Sr. Campos debúllase un longo rosario de efémeros directores, que somen á banda nunha crecente decadencia. Un núcleo de doce músicos provoca unha escisión máis, pero en xusto castigo ao seu perverso e desafinado quefacer, o enxeño popular -tan presto e agudo nas terras do viño- bautizounos co apelativo de «Os Rabiosos». O sucesor directo do gran Adolfo Campos foi don Camilo Pérez, a quen sucede don Liño Pampín. Eliminado da dirección o señor Pampín, noméase para este posto no ano 1924 a don Juan Omar Queral, aumentándose polo concello en mil pesetas máis a subvención no soldo anual. Don Juan Omar, sen grandes pretensións musicais, pero home normal e honorable dirixiu La Lira por espazo de tres anos logrando elevar de novo a súa moral e o seu prestixio que, a partir da marcha de Adolfo Campos, decrecera considerablemente. Sobre comezos de 1927 sucédelle na dirección, por espazo duns meses, o Sr. Escobar e a este don Manuel Fernández Amor por un período semellante de tempo.

Cara a finais de 1928 encárgase da dirección un pintoresco José Veiga, que se dicía fillo do celebrado autor da «Alborada». É acollido polos elementos da banda e polo pobo de Ribadavia en xeral con notorias mostras de entusiasmo, de simpatía e de expectación; pero descuberta pouco despois tal andrómena e visto, ademais, que non reunía ningunha das condicións para ese cargo e que ata acabou respondendo ós requirimentos dos seus músicos cun «tampouco hai por que afinar tanto», foi destituído fulminantemente.

Fíxose cargo de La Lira don Luís Brage, compositor da soada rapsodia «Follas Novas». Con el comeza unha nova época de ouro para a música, e non só a banda, en Ribadavia: a xente apíñase a presenciar os ensaios, xorden rondallas, comparsas, representacións de zarzuelas (a verbena da Pomba, Bohemios, etc.) e cada quisque acaba asubiando o Andante da Quinta de Beethoven como quen lava. A banda chegou a ter tal poder de arrastre, que a afección alá a seguía a onde fose; como lle explicaba un honesto Tenente de alcalde ao seu Gobernador, atónito por un tremendo recibimento: "Ai, non, señor, non lle veñen por vostede, véñenlle ó rabo da música".

O Sr. Brage tiña excelentes condicións de músico; era así mesmo un magnífico compositor, e nos seus primeiros tempos fixo revivir na banda aqueles xa algo afastados de don Adolfo Campos, pero o seu carácter, as súas condicións persoais, a maneira de comportarse cos músicos, e, finalmente a súa actuación política nun período axitado e tormentoso para a vida da vila, fóronlle restando adhesións e simpatías, non só entre os seus subordinados, tamén entre a maioría das xentes da vila, concluíndo, no ano 1930, por que os propios músicos, case na totalidade, se negaran a continuar ás súas ordes, deixasen de recoñecelo como o seu xefe artístico e trouxesen pola súa conta para que os ensaiase na academia e os dirixise nas actuacións a don Faustino Temes.

A Guerra Civil

Estala a guerra civil e a banda queda sen director. Entre esta fatal circunstancia, a carencia de ensaios e cun gran número de músicos incorporado ós distintos bandos belixerantes, a banda desmoralizouse e perdeu todo o seu prestixio musical, quedando case convertida nunha charanga de aldea.

Deste desastroso estado non lograron levantala os directores que sucederon ao Sr. Brage, ou sexa: Don Juan Escudeiro, nos anos de 1937 e 1938, e don Rafael Díaz nos de 1940 e 1941.

Por fin, en 1942, o concello, aumentando nunha cifra respectable o soldo de director, convoca un novo concurso, e do mesmo resulta nomeado para este cargo o músico maior, Comandante militar retirado, don Moisés García Espinosa. Con don Moisés García empeza de novo a recuperación da banda que xa nas festas do Portal daquel ano, fai un brillante papel alternando nos seus concertos coa magnífica banda da Garda Civil de Madrid. Pero pouco despois de levar un ano ostentando a batuta con gran satisfacción do público ribadaviense, o Sr. García Espinosa enferma gravemente e uns meses máis tarde, o 4 de outubro de 1943, falece, volvendo quedar a banda orfa de dirección cando xa de novo comezaba a brillar en toda a rexión galega reverdecendo pasados loureiros.

Durante un período de sete meses corre La Lira a cargo do novo subdirector don Manuel Estévez (chamado de sobrenome «O frauta» polo seu devandito instrumento), ata que por fin, tras múltiples e laboriosas xestións, en abril de 1944 pasa a levar a dirección o mestre musical militar retirado don Pedro Orovio Ruíz, que ata entón dirixira como subdirector a banda do terzo de Ceuta e tamén como subdirector da municipal de Santander.

Baixo a súa batuta a banda chegou ao cénit da súa gloria e prestixio, e é tan enorme a súa popularidade que non se concibe unha festa de categoría en toda Galicia que non sexa amenizada pola colectividade musical. O Sr. Orovio, coa súa maxistral batuta, consegue que La Lira sexa, sen discusión e durante varios anos, a mellor agrupación galega. O seu repertorio de obras é colosal e variadísimo, superando as cento trinta partituras, e os seus éxitos cóntanse por centenares. En 1949, e en rifada competencia con outras cinco magníficas bandas, consegue o primeiro premio nun concurso celebrado na cidade de Ourense con motivo das festas patronais do Corpus Christi. A popularidade de Pedro Orovio é tan grande que o seu nome é coñecido e respectado hoxe día non só en todo o solar galego senón tamén en varias provincias de Portugal, nun bo número de cidades leonesas e en varias localidades asturianas. Foi unha especie de «neno mimado» dos mordomos e comisións, dos párrocos e das familias máis destacadas dos pobos que percorreu, os cales se desvivían en obsequialo e sentalo á súa mesa.

Desgraciadamente, este apoxeo comeza a declinar ao cabo duns quince anos de éxitos ininterrompidos, pois a mocidade deixa de acudir ás academias onde don Pedro se afana en conseguir novos educandos que substitúan aos músicos que se van licenciando, e a emigración, primeiramente a Venezuela e Brasil, e máis tarde a Alemaña, Suíza, Holanda e Francia, van restando elementos á banda, que se ve reducida a vintecinco ou vinteseis números. Con todo, don Pedro Orovio consegue deleitar con selectas pezas; pero os anos pasan, e cando se cumpren os vintedous da súa brillante acción, cesa na dirección de tan coñecida banda con gran sentimento dos seus numerosos amigos e admiradores cuxo afecto fora conquistar polo seu cumprir persoal artístico.

Era moderna

Tras a etapa do Sr. Orovio, a masiva emigración e o éxodo dos músicos novos cara aos conxuntos pop van facendo declinar a banda que, aínda conservando o seu estilo e afinación característicos, arrastra unha vida lánguida.

Ao Sr. Orovio Ruíz sucédelle don José Franco por período dun ano, no cal a banda baixa de maneira enorme na categoría á que chegara co seu anterior director.

Afortunadamente ao cabo de pouco máis de 12 meses empuña a batuta Don Manuel Vázquez Gregorio, natural de Filgueira, dunha gran cultura musical e rodeado así mesmo dunhas condicións artísticas e persoais similares ás de don Pedro Orovio Ruíz. Co Sr. Vázquez Gregorio, La Lira volve polos seus antigo foros, pero o actual director tropeza cos mesmos inconvenientes cos que tivera que loitar o Sr. Orovio, ou sexa, coa falta de educandos, pola desgana da mocidade cara á arte musical e pola emigración que arrebata a países estranxeiros á maioría dos raparigos e tamén porque os músicos pasan a engrosar ruidosas e trepidantes orquestras tan de moda desde entón.

O Sr. Vázquez Gregorio estivo á fronte do colectivo ata o ano 2004, coa excepción entre os anos 1984 e 1985, no que diversas desavenencias laborais fixeron que dimitise do seu posto, tempo no que colleu o testigo Alfonso Salvatierra Mesa.

Durante todos eses anos a banda acadou un nivel que pola época se podería considerar alto, pero que quedaba ensombrecido cando se comparaba co listón que deixara o Sr. Orovio. Foron anos de forzosa renovación, coa incorporación das primeiras mulleres na colectividade, así como unha progresiva baixada na idade media dos compoñentes.

Pero nin as novas incorporacións nin a axuda que a asociación Amigos de La Lira prestaba conseguiron que a banda volvese acadar un nivel similar ó pasado. Si, conservaba certas características no seu timbre e na súa interpretación, pero xa nada era como entón. A banda seguía a vivir de rémoras do pasado, e seguiu así ata que no ano 2004 o Sr. Vázquez Gregorio decide abandoar a colectividade.

Colle o testigo Nicanor Domínguez Cid, profesor do conservatorio de Ourense na especialidade de clarinete. Este aguanta un ano no posto, cando é reemplazado por José Ángel Presa Carrera. Os comezos foron ilusionantes, pero co paso do tempo a relación cos músicos foise enrarecendo ata que no 2007 decide abandoar a banda en agosto, nun momento no que había festas contratadas. Nese momento, un dos músicos, Javier Oliveira Blanco, ponse ó cargo da agrupación durante as festas restantes.

Con todo, non deixou de ser un parche para unha ferida mal curada: a mocidade xa non se interesa pola música de banda e os máis veteranos van deixando progresivamente a música. Un proceso lento pero contínuo que fai que a banda, nese mesmo 2007, non acuda ás festas grandes de Ribadavia.

Foi entón cando un profesor do conservatorio, Antonio López Conde, colle a dirección da colectividade. Por primeira vez na historia un membro do Conservatorio Municipal de Ribadavia participa na banda, algo que pode parecer tan obvio pero que nunca se dera nos, nese momento, case 20 anos de historia do conservatorio. O período do Sr. López Conde foi curto, dun só ano, no que a banda incorporou a mozos e mozas do conservatorio e da escola municipais. Mais musicalmente a banda languidecía e foi entón cando se lle solicitou a Manuel Vázquez Gregorio que volvese á agrupación.

A súa nova etapa durou tan só un ano, pois a pesar da reincorporación de antigos músicos e da madurez musical das novas incorporacións, a banda precisaba algo distinto, un efecto que fixese que se rompese a dinámica que ata entón a estaba a sumir nun pozo sen saída.

Actualidade

Para cambiar a dinámica da colectividade, no ano 2009 un grupo de músicos procura dárlle novos folgos á banda. Non resulta algo sinxelo, pois a cantidade de boas bandas que hai en toda a xeografía galega fai que a competencia sexa cada vez maior. A primeira medida pasa por contar cun novo director, o lucense Juan Carlos López Vázquez, un home cunha gran tradición na música bandística, pois con 16 anos xa estaba a dirixir unha banda de música.

A banda tamén procura ter autonomía legal, polo que se forma a Asociación Cultural Liradavia, coa misión de levar a cabo, de forma directa, as actividades que anteriormente levaba a asociación Amigos de La Lira.

Baixo a batuta do Sr. López Vázquez, a banda deu un salto cualitativo considerable, coa incorporación de instrumentos que levaban anos sen estar na banda como foron o óboe ou as trompas, e contando por primeira vez cun fagot ou cun violoncello. Así mesmo, para poder interpretar obras máis modernas, os compoñeres decidiron invertir todos os cartos na compra de instrumental de percusión variado, pois ata ese momento a banda só contaba con dous timbais, caixa, bombo e pratos de choque. A banda adquiriu material ata contar cunha percusión formada por catro timbais, vibráfono, xilófono, lira de concerto e campanófono, xunto con diversa percusión pequena e outros instrumentos, que supuxo unha inversión de máis de 20.000€.

Grazas ó esforzo de todos os membros da banda e dos socios da asociación, a banda volveu participar en certames musicais. O seu primeiro intento foi en 2011 e a nivel nacional, en Aranda de Duero, no que a banda acadou o cuarto posto. En novembro dese mesmo ano, no V Certame Galego de Bandas, La Lira participou en sección terceira, acadando o primeiro premio.

En outubro de 2012 colle a batuta Francisco Pérez Rodríguez. Con el, a banda participa novamente no Certame Galego de bandas, acando un terceiro posto e o premio a mellor interpretación dunha obra libre de temática galega (Pórtico, de Antón Alcalde), ambos conseguidos na VI edición. Despois de tres temporadas, o Sr. Pérez cumple o acordado cando chegou a agrupación, que só se mantería na dirección entre tres ou catro anos, polo que chegado ese momento, pensaba que era o momento idóneo de deixar paso a alguén que tivese novas ideas para a súa banda. No seu concerto de despedida, no Barco de Valdeorras, e entre bágoas, prometeu que sempre tería á Lira no seu corazón.

Despois dunha proba de selección con máis de 40 candidaturas, en outubro de 2015 Roberto Baltar Gardón colle os mandos da agrupación. A primera aventura no mundo das bandas do mestre vigués foi curta, pois a mediados de agosto do 2016 decidiu, de forma unilateral, romper a súa relación coa banda. Cunha actuación xusto o día seguinte, cumpliuse a palabra do Sr. Francisco Pérez, que aceptou sen dubidalo un só intre dirixir a banda nesa comprometida situación. No historial do Sr. Baltar quedou un cuarto posto no Certame Internacional Armónico Zamora (levado a cabo na cidade de Toro).

Cun novo certame no horizonte (en novembro ía ter lugar o X Certame Galego de Bandas de música populares), en setembro a Xunta Directiva elixe a Xabier Oliveira Blanco como director. Antigo músico da Lira, o carballiñés estreou o seu novo posto na XVI Xuntanza de Bandas de Ribadavia, unha serie de concertos que teñen lugar no Auditorio do Castelo durante as festas grandes de Ribadavia. Cun grande éxito de público e crítica, a banda preparouse para o certame de novembro, no que finalmente logrou o primeiro premio.

Actualizado o 15 de abril de 2017.