Estatutos

Estatutos actualizados a 7 de febreiro de 2015.

TÍTULO I: ASOCIACIÓN EN XERAL

Artigo 1.º

1. Ao amparo da Lei de Asociacións, do 24 de decembro de 1964, constitúese a ASOCIACIÓN CULTURAL LIRADAVIA.
2. A Asociación rexerase polos presentes Estatutos, pola Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do Dereito de Asociacións e pola demais lexislación existente en materia de asociacións que lle sexa aplicable.

Artigo 2.º

1. A Asociación fixa o seu domicilio na avenida de Redondela, s/n, de Ribadavia, sen prexuízo de que a Xunta Directiva poida acordar, en calquera momento, o cambio a outro lugar.

Artigo 3.º

1. A Asociación, en funcións dos seus fins e do emprazamento do seu domicilio social, exercerá fundamentalmente as súas actividades no ámbito territorial da provincia de Ourense.

Artigo 4.º

1. A Asociación constitúese por tempo indefinido e só se disolverá, conforme a estes Estatutos, pola vontade dos asociados expresada en Asemblea Xeral Extraordinaria ou por causas previstas na lexislación vixente.
2. A Asociación gozará de personalidade xurídica e plena capacidade de obrar, necesaria para o cumprimento dos seus fins.
3. A Asociación rexerase segundo os principios democráticos contidos no marco da Constitución e o resto do ordenamento xurídico.

Artigo 5.º

1. Constitúen os fins principais da Asociación:
1.1. Representar, defender e promocionar a actividade musical en Ribadavia, así como a súa expansión a nivel rexional.
1.2. Manter e consolidar os valores artísticos e musicais predominantes na na cultura das bandas de música populares.
1.3. Programar as accións necesarias para conseguir melloras sociais.
1.4. Organizar un constante labor formativo dos seus asociados.
2. Para levar a cabo os seus fins, a asociación poderá organizar as seguintes actividades:
2.1. Campañas de divulgación para a captación de asociados.
2.2. Organización de eventos musicais.
2.3. Cursos formativos
3. Os beneficios que se obteñan por calquera concepto destinaranse exclusivamente ó cumprimento destes fins, sen que se poidan repartir entre os asociados nin outras persoas físicas ou xurídicas con interese lucrativo.

TÍTULO II: ASOCIADOS

Artigo 6.º

1. Poderán integrar esta Asociación todas aquelas persoas físicas, con plena capacidade de obrar, e as persoas xurídicas tralo acordo do seu órgano competente e que non teñan débedas pendentes coa Asociación.
2. Poderán ser integrantes da Asociación, na súa sección xuvenil, os menores non emancipados co consentimento, documentalmente acreditado, das persoas que deban suplir a súa capacidade.
3. O ingreso na Asociación será voluntario e, en calquera momento, poderán os membros deixar de pertencer á mesma, notificándoo por escrito á Xunta Directiva cunha antelación de dez días á data de baixa.

Artigo 7.º

1. Dentro da Asociación poderán existir as seguintes clases de asociados:
1. Fundadores: aquelas persoas que subscribiron a acta fundacional.
2. Numerarios: aquelas persoas que ingresaron con posterioridade á subscrición da acta fundacional.
3. Honorarios: aquelas persoas que, a xuízo da Asemblea Xeral, axuden de xeito notable ó desenvolvemento dos fins da Asociación.
4. Xuvenís: aquelas persoas menores de 18 anos que participen na Asociación, que estarán integradas na sección xuvenil.

Artigo 8.º

1. A condición de asociado pérdese por algunha das causas seguintes:
1.1. Vontade propia.
1.2. Incumprimento das obrigas establecidas nos Estatutos.
1.3. Incumprimento dos acordos adoptados pola Asemblea Xeral ou pola Xunta Directiva na esfera das súas respectivas competencias.
1.4. Incumprimento das obrigas económicas que, para o sostemento da Asociación, se teñan establecido.
1.5. Falecemento da persoa física ou extinción da persoa xurídica.
2. A expulsión de asociados será acordada pola Xunta Directiva, logo da audiencia do interesado. O acordo de expulsión deberá ser ratificado pola Asemblea Xeral.
3. Cando a baixa se produza por vontade dun asociado, este deberá realizar unha petición escrita e procederá ao aboamento previo de todas as cotas que teña pendentes.

Artigo 9.º

1. Os asociados teñen os seguintes dereitos:
1.1. Tomar parte nas Asembleas con voz e voto.
1.2. Poder elixir e ser elixidos para cargos directivos.
1.3. Tomar parte en cantas actividades organice a Asociación en cumprimento dos seus fins.
1.4. Gozar de todas as vantaxes e beneficios que a Asociación poida obter.
1.5. Ter copia dos presentes Estatutos.
1.6. Ser informados sobre a composición da Xunta Directiva.
1.7. Recibir información sobre os acordos adoptados polos órganos da Asociación.
1.8. Facer suxestións aos membros da Xunta Directiva en orde a mellorar o cumprimento dos fins da Asociación.
1.9. Coñecer o estado de contas e ingresos e gastos da Asociación todos os anos, así como o desenvolvemento da súa actividade.
2. Os asociados honorarios e xuvenís non intervirán na dirección da Asociación nin nos órganos de representación dela.
3. Os asociados honorarios están facultados para asistir ás asembleas xerais con voz, pero sen voto.

Artigo 10.º

1. Son obrigas dos asociados:
1.1. Prestar cantos servizos determinen os Estatutos, os posibles Regulamentos de Réxime Interno e os acordos das Asembleas Xerais.
1.2. Desempeñar os cargos para os que foron elixidos.
1.3. Asistir ás Asembleas Xerais.
1.4. Satisfacer as cotas que se establezan.
1.5. Ter unha boa conduta individual e cívica.
1.6. Cumprir os acordos da Asemblea Xeral e o contido dos Estatutos.
1.7. Compartir as finalidades da Asociación e colaborar para a súa consecución.

TÍTULO III: ÓRGANOS DA ASOCIACIÓN

Artigo 11.º

1. A dirección e administración da Asociación serán exercidas pola Asemblea Xeral e pola Xunta Directiva.

Artigo 12.º

1. A Asemblea Xeral, validamente constituída, é o órgano soberano da Asociación, e os seus acordos adoptados de conformidade con estes Estatutos, son obrigatorios para todos os integrantes da Asociación.

Artigo 13.º

1. As Asembleas Xerais poderán ser ordinarias e extraordinarias.
2. A Asemblea Xeral ordinaria celebrarase unha vez cada ano e a extraordinaria por acordo da Xunta Directiva ou cando o soliciten un vinte por cen dos seus asociados.

Artigo 14.º

1. As Asembleas Xerais ordinarias e extraordinarias convocaranse mediante notificación, nos locais da Asociación, a todos os asociados con quince días naturais de antelación á data sinalada para a reunión, expresándose, se procedese, a data e hora en que terá lugar a reunión en segunda convocatoria.
2. A comunicación da convocatoria consignará o lugar, local, data e hora en que deberá celebrarse a Asemblea, e os asuntos que se haberán de tratar segundo a Orde do día, acordada pola Xunta Directiva.
3. A Xunta Directiva, no apartado de rogos e preguntas, recollerá todas as propostas que se formulen polos asociados, mediante petición escrita, tres días antes da data da reunión.
4. Así mesmo, por razóns de urxencia, poderán debaterse cuestións presentadas no curso da reunión, se así o decide un vinte por cen dos asistentes á mesma.

Artigo 15.º

1. A Asemblea Xeral quedará validamente constituída en primeira convocatoria cando se encontren representados a metade máis un dos membros que a compoñen, e en segunda calquera que fose o número de asistentes.

Artigo 16.º

1. A presidencia de todas as Asembleas Xerais corresponderá ao Presidente da Asociación, e en ausencia deste ao Vicepresidente.
2. Os acordos que adopte a Asemblea Xeral serano por votación da maioría simple, salvo naqueles casos en que estes Estatutos esixen maioría cualificada.
3. A modalidade das votacións quedará a criterio da propia Asemblea.

Artigo 17.º

1. Os acordos adoptados conforme aos preceptos anteriores obrigarán a todos os asociados, incluso aos non asistentes.
2. As sesións abriranse cando así o determine o Presidente. Seguidamente procederase por parte do Secretario á lectura da Acta da Asemblea anterior que deberá ser aprobada. Posteriormente, o Secretario procederá a presenta a orde do día. Cada punto será informado polo membro da Xunta Directiva que lle corresponda, procedéndose á aprobación nos termos contidos nestes Estatutos, segundo a materia de que se trate.

Artigo 18.º

1. Os acordos que vaian contra estes Estatutos ou infrinxan os fins da Asociación poderán ser recorridos en reposición perante a Asemblea Xeral. A partir da resolución do recurso de reposición, quedará expedita a vía para recorrer perante a xurisdición ordinaria.

Artigo 19.º

1. Son competencias da Asemblea Xeral Ordinaria:
1.1. Aprobar a acta da reunión anterior.
1.2. Adoptar acordos relativos á representación, xestión e defensa dos intereses da Asociación e dos seus compoñentes.
1.3. Aprobar os programas e plans de actuación.
1.4. Elixir e revocar o mandato dos membros da Xunta Directiva e ao Presidente da Asociación.
1.5. Coñecer a xestión da Xunta Directiva.
1.6. Fixar os medios económicos con que se dotará a esta Asociación para o seu normal funcionamento, de conformidade coas propostas que elabore a Xunta Directiva.
1.7. Aprobar os presupostos e liquidacións de contas
1.8. Aprobar a federación con outras asociacións.
1.9. Ratificar a expulsión de asociados e asociadas a proposta da Xunta Directiva.
1.10. Solicitar a declaración de utilidade pública da Asociación.
1.11. Aprobar o regulamento de réxime interno da Asociación.
1.12. Aprobar ou reformar os Estatutos.
1.13. Acordar a disolución da Asociación.
1.14. Coñecer e resolver as reclamacións e recursos formulados polos asociados.

Artigo 20.º

1. Das reunións da Asemblea Xeral levantarase Acta, que será asinada polo Presidente e o Secretario.

Artigo 21.º

1. A Xunta Directiva é o órgano encargado da dirección, goberno e administración da Asociación. Estará integrada por un mínimo de 5 (cinco) membros, elixidos pola Asemblea Xeral, libre e secretamente.
2. A Xunta Directiva elixirase pola Asemblea Xeral, durando os cargos un período de un ano, aínda que poden ser obxecto de reelección indefinidamente.

Artigo 22.º

1. Os cargos que compoñen a Xunta Directiva non serán gratificados, sen prexuízo do dereito a ser reembolsados dos gastos debidamente xustificados en que poidan incorrer por actuacións relacionadas coa Asociación. As persoas elixidas para estes cargos deberán carecer de interese económico nos resultados da actividade levada a cabo pola Asociación.

Artigo 23.º

1. A Xunta Directiva poderá cesar da súa función aos seus membros por algunha das seguintes causas:
1.1. Falecemento ou incapacitación.
1.2. Finalización do prazo para o que fora elixido.
1.3. Renuncia voluntaria.
1.4. Incompatibilidade nos supostos establecidos nos Estatutos.
1.5. Acordo da Asemblea Xeral a proposta da Xunta Directiva, de acordo co expediente redactado polo poñente designado ao efecto pola Xunta Directiva, no que preceptivamente se escoitará ao interesado, motivado pola súa conduta irregular, causa grave de indignidade ou calquera outra circunstancia grave que se estime.
1.6. Non acudir, sen previa xustificación, ás reunións para as que fose convocado en tempo e forma durante o período dun ano.
1.7. Atoparse en proceso xudicial por causas que afecten ao regular funcionamento da Asociación.
2. A renuncia e o transcurso do prazo non dan lugar ó cesamento automático, senón que se deberá facer un efectivo traspaso de poderes con entrega de documentación e posta ó día do sucesor
3. As vacantes que se puideran producir durante o mandato de calquera dos membros da Xunta Directiva serán cubertas provisionalmente entre os ditos membros ata a elección definitiva pola Asemblea Xeral. En calquera caso, a Xunta Directiva debe estar integrada como mínimo por 3 persoas, que exercerán as funcións de presidente, secretario e tesoureiro.

Artigo 24.º

1. A Xunta Directiva reunirase en sesión ordinaria, cando menos, unha vez ao trimestre. Tamén se reunirá en sesión extraordinaria nos casos en que o solicite a terceira parte dos seus compoñentes, ou o decida o Presidente pola súa propia iniciativa.
2. O Presidente da Xunta Directiva convocará os seus membros, sempre que sexa posible, con oito días naturais de antelación á data fixada para a reunión, con remisión da Orde do Día comprensiva dos asuntos a tratar. Por razóns de urxencia poderanse tratar asuntos non contidos na mesma.

Artigo 25.º

1. A Xunta Directiva considerarase validamente constituída cando concorran á reunión metade máis un dos seus membros. Será presidida polo Presidente e, na súa ausencia, polo Vicepresidente ou o Secretario, por esta orde, e, a falta de ambos, polo membro da Xunta que teña máis idade.
2. Para a adopción de acordos requirirase o voto favorable da metade máis un dos membros da Xunta Directiva asistentes.
3. As discusións e acordos das sesións, tanto ordinarias como extraordinarias da Xunta Directiva, faranse constar en Actas que serán asinadas polo Presidente ou o Secretario.

Artigo 26.º

1. Os membros da Xunta Directiva presidirán as comisións que a propia Xunta acorde constituír, co fin de delegar nelas a preparación de determinados actos ou actividades, ou de solicitar das mesmas as informacións necesarias. Formarán parte, ademais, das ditas comisións o número de vocais que acorde a Xunta Directiva, a proposta dos seus respectivos presidentes.
2. Cando as necesidades o aconsellen, a Xunta Directiva poderá acordar que as comisións se desdobren en subcomisións.

Artigo 27.º

1. A Xunta Directiva terá as seguintes facultades e funcións:
1.1. Executar e cumprir os acordos da Asemblea Xeral.
1.2. Realizar e dirixir as actividades da Asociación necesarias para o exercicio e desenvolvemento dos seus fins.
1.3. Propoñer á Asemblea Xeral os programas de actuación xeral e específicos e realizar os xa aprobados dando conta do seu cumprimento á Asemblea Xeral.
1.4. Elixir entre os seus compoñentes ao Vicepresidente, Secretario e Tesoureiro da Asociación, así como aos seus respectivos suplentes, libre e secretamente.
1.5. Presentar á Asemblea Xeral os presupostos, balances e liquidacións de contas e propostas de cotas para a súa aprobación.
1.6. Elaborar a Memoria Anual de actividades, someténdoa para a súa aprobación á Asemblea Xeral.
1.7. Decidir en materia de cobros e ordenación de pagos e ordenación de libramentos.
1.8. Inspeccionar e velar polo normal funcionamento dos servizos.
1.9. Inspeccionar a contabilidade, así como a mecánica de cobros e pagos, sen prexuízo das facultades do Tesoureiro.
1.10. Adoptar acordos referentes á contratación de bens e servizos, exercendo accións e outorgamento de poderes.
1.11. Realizar informes e estudos de interese para os asociados.
1.12. En casos de extrema urxencia, adoptar decisións sobre asuntos cuxa competencia corresponde á Asemblea Xeral convocando de inmediato a reunión da mesma e dar conta destas decisións.
1.13. Designar as Comisións de traballo ou seccións que se estimen oportunas para o bo funcionamento da Asociación.
1.14. Aquelas que non veñan atribuídas expresamente á outro órgano da Asociación.

Artigo 28.º

1. O Presidente da Asociación será elixido e revocado do seu mandato pola Asemblea Xeral. Será asistido nas súas funcións por un vicepresidente, que o substituirá nos casos de vacante, ausencia ou enfermidade.

Artigo 29.º

1. Son funcións e atribucións do Presidente:
1.1. Presidir e levantar as sesións que celebre a Xunta Directiva e a Asemblea Xeral, dirixir as deliberacións dunha e outra, decidindo con voto de calidade, en caso de empate.
1.2. Representar á Asociación, subscribir contratos e outorgar poderes e executar toda clase de accións, coa debida autorización da Xunta Directiva.
1.3. Render anualmente informe da súa actuación e da Xunta Directiva.
1.4. Propoñer á Xunta Directiva o nomeamento de cargos técnicos que sexan necesarios para as actividades da Asociación.
1.5. Asinar as actas, certificados, pagamentos e outros documentos da Asociación xunto co Secretario ou membro da Xunta Directiva a quen lle corresponda a elaboración do documento de que se trate.

Artigo 30.º

1. O Vicepresidente da Asociación, que será elixido pola Asemblea Xeral, serao desta e da Xunta Directiva.
2. Substituirá ao Presidente nas súas ausencias, e se se producise a vacante deste, desempeñará a vacante da presidencia en tanto se realiza unha nova elección.

Artigo 31.º

1. O Tesoureiro recadará e custodiará os fondos pertencentes á Asociación, dará cumprimento ás ordes de pagamento que expida o Presidente, levará a contabilidade da Asociación, tomará razón e levará conta dos ingresos e dos gastos asociativos, participando en todas as operacións de orde económica.
2. O Tesoureiro ten a obriga de proceder ao peche do exercicio orzamentario antes do 31 de decembro, co fin de que as contas estean a disposición dos membros da Asociación nos quince días anteriores á celebración da Asemblea ordinaria.

Artigo 32.º

1. O Secretario recibirá e tramitará as solicitudes de ingreso, levará o ficheiro e o rexistro de asociados e terá ó seu cargo a dirección dos traballos administrativos da entidade. Correspóndelle, así mesmo, notificar as convocatorias, custodiar as actas e expedir certificacións destas co visto e prace do Presidente.
2. Ao Secretario correspóndelle tamén levar o inventario dos bens da Asociación.
3. Nos casos de ausencia, vacante ou enfermidade do Secretario, o Presidente designará entre os vocais a un que desenvolva esta función.

Artigo 33.º

1. Os Vocais, no número que determine a Asemblea Xeral, terán as seguintes atribucións:
1.1. Realizar programas e propostas na súa área de actuación.
1.2. Desempeñar os traballos que lle sexan encomendados pola Xunta Directiva.

TÍTULO IV: RÉXIME ECONÓMICO

Artigo 34.º

1. A Asociación, no momento de iniciar as súas actividades, dispón dun patrimonio de 700 euros.

Artigo 35.º

1. A Asociación manterase dos seguintes recursos:
1.1. Cotas dos asociados.
1.2. Doazóns e legados a favor da mesma.
1.3. Subvencións que poidan ser concedidas.
1.4. Vendas de bens e valores.
1.5. Ingresos procedentes da venda de publicacións e de prestacións de servizos.
1.6. Calquera outro recurso obtido de conformidade coas disposicións legais e preceptos estatutarios.
2. Por cada exercicio económico, que coincidirá co ano natural, formarase o orzamento ordinario de ingresos e gastos, con suxeición ás normas contidas nos presentes Estatutos.

Artigo 36.º

1. A Asemblea Xeral Ordinaria, a proposta da Xunta Directiva, aprobará tanto as cotas ordinarias como as extraordinarias que non serán reintegrables en ningún caso. O recadado dedicarase a atender as necesidades da Asociación.

Artigo 37.º

1. Anualmente, con referencia ó ultimo día do exercicio económico de cada ano, elaboraranse as contas, que se formalizarán nunha memoria, que será posta a disposición dos asociados durante un prazo non inferior a 15 días ó sinalado para a celebración da Asemblea Xeral Ordinaria, que deberá aprobalas ou censuralas.
2. O Tesoureiro coidará da conservación de todos os fondos da forma que lle dispoña a Xunta Directiva e asinará todos os documentos de cobros e pagos.
3. A Asemblea Xeral arbitrará as medidas necesarias para que os asociados poidan coñecer a situación económica da Asociación.
4. As cotas acórdanse pola Asemblea Xeral ordinaria a proposta da Xunta Directiva, non sendo reintegrables en ningún caso e dedicándose a atender as necesidades da Asociación.

Artigo 38.º

1. Para a disposición de fondos das contas que a Asociación ten nas entidades bancarias será necesaria a sinatura conxunta do Presidente e do Tesoureiro.

TÍTULO V: DO REGULAMENTO DE RÉXIME INTERNO

Artigo 39.º

1. O regulamento de réxime interno, no seu caso, desenvolverá aquelas materias non contempladas directamente nestes Estatutos, non podendo ir en ningún caso en contra do estipulado nos mesmos; en todo caso, o funcionamento interno da Asociación estará sometido ao ordenamento xurisdicional civil.

TÍTULO VI: DISOLUCIÓN DA ASOCIACIÓN

Artigo 40.º

1. A Asociación disolverase polas seguintes causas:
1.1. Por vontade dos asociados, acordada polas dúas terceiras partes dos mesmos.
1.2. Por outras causas determinadas legalmente.
1.3. Por sentencia xudicial
2. No acordo de disolución establecerase o destino que se deba dar aos bens, dereitos, instalacións e servizos da Asociación que puideran quedar despois de atendidas as obrigas pendentes.

Artigo 41.º

1. O haber resultante, unha vez efectuada a liquidación, doarase a outra Asociación non lucrativa e inscrita na Comunidade Autónoma que teña iguais ou similares fins que os desta Asociación.

Artigo 42.º

1. De non acordarse outra cousa pola Asemblea Xeral actuarán de liquidadores os membros da Xunta Directiva.

TÍTULO VII: MODIFICACIÓN DE ESTATUTOS

Artigo 43.º

1. Os presentes Estatutos poderán ser modificados en virtude do acordo da Asemblea Xeral, co voto favorable da metade máis un dos membros que a compoñen.
2. O proxecto de modificación será posto a disposición de todos os membros da Asociación, cunha antelación mínima de vinte días á reunión da Asemblea Xeral.