A Lira de Ribadavia

A Lira de Ribadavia

Como di Alvarellos no seu libro Bandas de Música de Galicia, chegamos á banda de música máis antiga de Galicia.

Logo Lira

Non podemos ditaminar a data exacta do seu nacemento, aínda que existen documentos de principios do 1800 onde se fai alusión á gran afección que por aquela época tiña o pobo ribadaviense polas bandas de música. O documento que acredita que A Lira de Ribadavia é a banda decana de Galicia data do ano 1840, onde se fai alusión por parte do Concello de Ribadavia da regularización salarial ós mestres dunha escola de música fundada moitos anos atrás en recoñecemento do seu traballo, transcendencia e repercusión social na vila, sendo o Mestre Veneroni, de orixe toscano, o primeiro profesor de música de quen se fala na Vila. Desde esa data organízase unha Sociedade Filharmónica destinada á formación da mocidade, ocupándose da súa dirección Luis de Nessone.

En 1888 toma a batuta Antonio Freijido, época na que a banda se divide en dous: Liberais e Conservadores. Permaneceron así ata 1894, cando, baixo a batuta de Francisco Sánchez, se volven unir baixo o nome da Lira.

Foron destacados directores Adolfo Campo, Camilo Veiga, Fernández Amor e o inesquecible Luis Brage, quen convirte á Lira nun referente da Galicia Republicana en plena ditadura. Moisés Espinosa, Pedro Orovio, Manuel Vázquez Gregorio, Alfonso Salvatierra Mesa, Francisco Pérez Rodríguez e Roberto Baltar Gardón, entre outros, foron os responsables de dirixir á banda de música decana de Galicia. Dende setembro de 2016 está baixo a batuta de Xabier Oliveira Blanco.

Entre os diferentes galardóns destacan os primeiros premios nos certames bandísticos en Villafranca del Bierzo, Pontevedra, Vigo, Ourense, Oviedo e León. Os últimos logros son o cuarto posto no XII Certame Internacional de Bandas de Música "Villa de Aranda", o primeiro premio na sección terceira no V Certame Galego de Bandas e o premio á obra de temática galega no VI Certame Galego de Bandas. No X Certame Galego acadou de novo o primeiro premio da sección terceira.

Hoxe en día, os seus membros buscan protexer e fomentar a gran tradición musical da vila de Ribadavia, converténdoa nun dos lugares máis prestixiosos e recoñecidos na cultura das bandas de música populares de toda Galicia.